Translate

22 feb 2012

DSK ( DECRÉPITO, SÁDICO, KOCHO)
María Xosé Queizán

A satisfacción que nos producira a detención deste acosador sexual en USA, veuse abaixo ao comprobar que o poder ten capacidade para burlar a xustiza e para comprar o silencio. Malia leva. Despois o flamante exdirector do FMI volve marchar de rositas da acusación de violación da xornalista francesa Banon, ao ter prescrito o delicto.
Pero, estamos no entroido e a todo porco lle chega o seu momento. Volve ser detido con acusacións de proxenitismo e desvío de fondos. O tema é vello e habitual nas relacións económicas patriarcais. Uns empresarios organizaban festas, pagando gastos de viaxe e hotel, onde o prato forte eran os corpos de mozas prostituídas que compracían os invitados. Ata aquí algo ben coñecido, e non só nas festas de Berlusconi, senón nas viaxes de comerciantes, nas xuntanzas masculinas, mercantís. Despois da opípara cea ofrecen o obxecto sexual no leito. A empresa invita. Todos saben que a moza foi contratada, menos o DSK que a considera unha amable amiga, agradecida por coitar co gran magnate.
Desta vez, se cae, será polo delicto de desvío de fondos e non polo abuso de mulleres. Os cartos son máis importantes. Aínda que xa sería ben estrafalario que sexa xulgado por desvío de fondos o destinado a dirixir novamente o FMI.
En que mans están os cartos conseguidos pola xente que se esforza, traballa, pensa e produce! Esta troupe sen conciencia, espallada polo mundo, que violan os corpos de mociñas co mesmo automatismo co que xogan ao monopol coas reservas económicas do mundo, tolean co diñeiro virtual, hipotecan alegremente a media poboación e producen unha crise económica de gran calado.
O indignante é que, amos do capital, non dubidan en obrigar á masa traballadora mundial a producir nas peores condicións e perder os dereitos laborais e sociais conseguidos coa loita de anos, para recuperaren os millóns que perderon. Ao que chaman reforma laboral son contratos máis baratos e despedimentos gratuítos para a empresa. De novo Pao e tente teso. No tocante aos dereitos que as mulleres conseguimos con tanto esforzo, chega un novo Santo Oficio para impór leis restrictivas canto á Liberdade e Igualdade e envolvernos con bandeiras imperiais coa Lei de Familia da Xunta de Galicia.
A este atropelo chámanlle Reforma. Contra iso, fagamos a Contrareforma.
Se cómpre Reformar algo é o sistema despótico e inxusto do capitalismo. Que DSK entre na cadea é un bo comezo.

No hay comentarios:

Publicar un comentario