Hoxe
deixounos María Luísa Fernández, unha persoa moi querida para o
movemento feminista desta cidade. Vencellada ao Partido Comunista
desde o ano 1972 esta monfortina, dirixente histórica de Esquerda
Unida, xogou un rol primordial en diversos movementos sociais, no
Colectivo antisida, Imán, na Asociación
de axuda aos presos Concepción Arenal, na Marcha Mundial das
Mulleres e do Colectivo Violeta.
Coincidín
con Luísa durante moitos anos, en centos de accións de denuncia nas
rúas, nalgunha homenaxe, encontros feministas. Perdinme a súa
amizade, por iso soamente falo do que vin e oín dela.
Sexa cal for o acto convocado por calquera colectivo do que formaba parte, alí estaba Luisa. A súa presencia discreta, bondadosa, a súa mirada integradora invitaba a acudir. Desprendía ese talante aberto e conciliador, nada sectáreo que caracterizan unha auténtica postura de esquerdas. Estou certa de que era unha comunista auténtica dos pés á cabeza.
Sempre dando a cara, en
primeira liña, coa pancarta, repartindo panfletos, o que fixera
falta. O seu labor discreto faime pensar no enorme traballo
integrador e solidario que desenvolveu sen facer ruído. E con
optimismo, acreditaba fondamente no que estaba a facer. Un amigo do
Colectivo antisida falaba do seu entusiasmo, do seu liderato
afectivo, case maternal.
Non
sei cal sería a súa sensación ao verse nos carteis da rúa como
candidata á alcaldía de Vigo, nas municipais do 2007. Ter que saír
dese anonimato debeulle custar un grande esforzo . Algunhas persoas
que viviron eses momentos de cheo comentaban a modestia de Luísa,
case pedindo desculpas, quitándose toda a importancia, e que o
partido estaba moi moi mal. Ela mesma repartía os programas de
Esquerda Unida polas rúas.
Os
movementos sociais quedan orfos; un duro golpe, inesperado,
fulminante. Como encher a túa ausencia?
Actuando
como ela o faría e fixo sempre, con coherencia, saíndo a rúa e
gritando contra a desigualdade, contra a violencia de xénero, e
contra a inxustiza social. Alí estaremos contigo, loitadora,
camarada, feminista.
(Na foto, Luísa Fernández con María Xosé Queizán, na inauguración do Rueiro de mulleres deseñado polas MNG, en Vigo)