Translate

Institucións

"Borrascas en familia"


Ás veces, sucede que o pasotismo lexislativo resulta menos pernicioso que o hiperactivismo lexislativo.
Cando se reformou a Lei de aborto, no goberno Zapatero, moitas feministas levábanse as mans á cabeza porque sabían que non deixaría de ser unha triste reforma da Lei do 85 do goberno González e que aínda quedaría un percorrido longo ata a meta do feminismo do "aborto libre e gratuíto". Que mellor non meneala.
A historia confirma os reparos das feministas e xa temos polémica servida co xusticieiro Gallardón, que recollendo con pinzas a terminoloxía feminista, percebe que as mulleres embarazadas (como todas) sufrimos violencia estructural. Aplícase o conto e a depilar a lei de aborto que, moi probablemente quedará como a do 85, con reservas. 
Que entramos nunha borrasca en familia (dicía a meteoróloga Pemán) de conservadurismo xa o notamos polas leis desenvoltas pola Xunta desde o 2010. Curiosamente, algunhas como a da lei de apoio á muller embarazada, teñen como coartada un epígrafe da Lei de Igualdade do ano 2004. 
Pero na realidade atenden a negación de dereitos fundamentais como a liberdade de elixir e o seu desenvolvemento como persoa. O cinismo non ten límite, en tempos de crise, e de precariedade, o mellor que poden facer as mulleres é dedicarse a parir, que Galicia envellece.
E aínda que as cifras da violencia de xénero non paran de medrar, non revisan a Lei de violencia de xénero para ver que medidas están deixando de aplicar para que o machismo siga matando. Non. Deciden que importante é o apuntalamento da familia, que as bases do sistema patriarcal non se derramen.
Nese afán aforrador derriban por decreto o Servizo Galego de Igualdade. Pero nada, só un pateo de feministas exaltadas.  
A Xunta de Galiza boicotea a igualdade e minimiza a violencia de xénero nos presupostos globais; de nada serven os autos de fe da Secretaria Xeral. Os pasos lexislativos veñen marcados por unha política moi perniciosa para o avance social das mulleres, as máis perxudicadas pola crise.
A alarma da rebaixa dos 10.000 millóns na sanidade e no ensino vai agravar, máis que a ninguén, a vida das mulleres baixo as que recae o peso fundamental da atención e coidado d@s dependentes da familia.  
Como se o goberno de Galicia estivese preparado para o temporal programan coas súas leis que regresemos as mulleres ao domicilio, non é momento de divorciarse, e a parir!... porque "abortar é un trauma para a muller"; que redobre de cinismo: traer criaturas non desexadas non o é.
Para iso se redactaron estas leis que cómpre recordar, para apuntalar a nosa desigualdade, ao parecer só repudiadas desde o feminismo porque sindicatos e partidos estaban demasiado ocupados na diminución das súas asignacións. 

Lei 5/2010, do 23 de xuño, pola que se establece e regula unha rede de apoio á muller embarazada

Lei 7/2010, do 15 de outubro, pola que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

Lei 3/2011, do 30 de xuño, de apoio á familia e á convivencia de Galicia