Rosa Fontaíña, Luisa Ocampo e María Xosé Queizán
Rosa Fontaíña (Rede de Mulleres contra a Violencia de Xénero): VIOLENCIA DE XÉNERO
Dende o Consello Municipal das Mulleres, cremos imprescindible que se teñan en conta as variables específicas das mulleres en todos os plans e proxectos da cidade de Vigo, introducindo a perspectiva de xénero en cada un deles.
De feito, as situacións de violencia de xénero na cidade de Vigo son moi dispares, cada situación ten unas variables distintas que se teñen que terse en conta para unha intervención máis .
RECURSOS
Tamén cremos que os recursos existentes son maioritariamente asistenciais, e que funcionan de forma caritativa, sen un estudo profundo das causas de exclusión e polo que non ofrecen alternativas nin busca de solucións a través da transformación social. O propio Concello cede as instalacións para que sexan xestionados baixo a tutela da Igrexa, e esta mesma institución considera recursos como os albergues “casas grandes relixiosas”.
O mesmo tempo, os recursos son insuficientes e non se adaptan ás necesidades de urxencia que presentan algúns, cremos que a xestión municipal, a través do Concello ou de Organizacións sociais, sería a adecuada para poder levar a cabo unha intervención eficaz e non asistencialista, que non empregara “parches”, senón que a través de políticas específicas de intervención se levara a cabo a necesaria transformación social ou a reincorporación social das mulleres excluídas, facendo unha intervención completa a nivel psiclóxico, social e sanitaria.
Somos conscientes de que ten un menor coste para as institucións deixar en manos da beneficencia os recursos de inclusión social, pero non cremos xusto nin comprensible que as popias institucións retrasen a implantación de recursos permanentes e públicos, ou peche os recursos xa existentes.
As administracións públicas deben centrarse na construción dunha rede que atenda a realidade social da cidade de Vigo, creando centros de aloxamento de urxencia unidos a unha política de inclusión que teña en conta as necesidades e a situación específica das mulleres.
SAP
O 2010 foi un ano no que os recursos cos que contamos foron diminuíndo, onde apareceron novos métodos de vinganza, menosprezo, vexación contra as propias mulleres, e máis concretamente contra as mulleres que deciden denunciar e paralizar unha situación de violencia contra elas e contra os seus propios fillos e fillas.
Un exemplo diso é o SAP, o inventado síndrome de alienación parental, ó cal endurece as situacións das mulleres. Esta ideoloxía está provocando que:
-Moitas mulleres maltratadas estean a perder a custodia dos seus fillos/as acusadas de manipulalos contra o pai, mesmo en casos de pais condenados por malos tratos.
-Moitos/as fillos/as de mulleres maltratadas estean a ser obrigados dramaticamente a vivir cun pai violento presuntamente maltratador, abusador ou neglixente.
-Moitas mulleres maltratadas sufran cada semana a chamada Terapia da Ameaza en Puntos de Encontro Familiares, en Centros de Atención á Infancia, nos equipos psicosociais dos xulgados etc. E á forza obrigar aos seus fillos e fillas a relacionarse co pai baixo ameaza de non volvelos a ver nunca máis se non o conseguen.
-Moitos fillos/as de mulleres maltratadas sexan forzados de forma traumática nestes lugares cada semana a "querer" a un pai violento, presuntamente abusador ou neglixente, o que lles está provocando serias secuelas psicolóxicas e mesmo físicas.
-Moitas mulleres maltratadas estean a ser forzadas a aceptar a mediación familiar contraviniendo a Lei Integral, e se se negan poden ser tachadas de egoístas e perder a custodia dos seus fillos/as.
-Mulleres maltratadas sexan multadas cada semana polo xulgado con 500€ cada vez que os seus fillos/as se negan a relacionarse co pai (multas coercitivas do SAP).
-Cada vez máis mulleres maltratadas mesmo con ordes de afastamento do seu agresor, sexan condenadas a penas de cárcere por "desobediencia" cando os seus fillos/as se negan a irse co seu pai durante o réxime de visitas.
Rompamos o silencio ante estas situacións que endurecen as circunstancias que están a pasar as mulleres que sufren violencia de xénero por parte das súas parellas ou exparellas, e que dificultan a súa reincorporación psico-social.
Luisa Ocampo ( Mulheres Nacionalistas Galegas)
Intervençom no Pleno extraordinario do “Consello Municipal da Muller” celebrado em Vigo
A pesares de que a história oficial tende a apresentar os avanzos sociais conseguidos polas mulheres como a consequência dum progresso que marcha por si só, onde o movemento feminista nom temos influído, a realidade é que forom as luitas de muitas mulheres as que nos permitem hoje gozar de direitos que num pasado moi próximo eram-nos negados.
Este é o segundo ano, que o 8 de março, á iniciativa do “Consello Municipal da Muller”, celebramos nesta cidade um pleno no que as mulheres somos as protagonistas, participando no mesmo as diferentes organizaçons de mulheres e feministas que formamos parte deste organismo.
Este acto tem um carácter que traspasa o simbólico, aínda que o simbólico seja importante, já que visibiliza o trabalho do “Consello Municipal da Muller” e contribue ao empoderamento das mulheres. É um pleno onde as diferentes mulheres organizadas da nossa cidade fazemos ouvir as nossas vozes, as nossas reinvidicaçons, as nossas luitas, os nossos avanços e as nossas preocupaçons diante dos retos que se nos imponhem para seguer avanzando.
Na actualidade estamos assistindo a umha crise estructural do sistema, onde os que o colocarom ao borde do colapso pretendem agora sair dela cargando sobre as costas das pessoas mais desfavorecidas o custo da sua avaricia.
Encaminham-nos cara um futuro onde as desigualdades cada vez som mais profundas. A pobreça esta globalizada sufre-a a maioria da povoaçom e as mulheres fundamentalmente, por iso falamos da feminizaçom da pobreça, porque a maioria das pessoas pobres no planeta som mulheres.
A reforma laboral e das pensons som legislaçons androcéntricas, já que tomam ao varóm como modelo universal e reforçam a ficçom de igualdade, facendonos crer que é indistinto falar de homes e mulheres, ocultando que umhas e outros nom vivimos a mesma realidade.
As diferenças salariais persistem, temos umha maior tasa de temporalidade, inserçom mais tardía no mercado laboral, trabalhos submergidos, sumado ao nom reparto das tarefas do fogar, a feminizaçom do coidado de filhas e filhos e de familiares dependentes, todo isto afecta de maneira directa ao tempo de cotizaçom e a umha menor quantia das pensoms, o que dificultará o direito a cobrar o 100% das prestaçons mesmo trabalhando até os 67 anos.
Galiza conta com um elevado número de pensionistas mulheres das que o 41% cobra umha pensom por viuvez e apenas o 54 % tem umha pensom derivada das suas cotizaçons. A pensom meia das mulheres nom chega aos 500 euros.
A tasa de paro na Galiza entre as mulheres acada o 16%, e no ano 2010 quedarom sem emprego 22.800 mulheres. O previsível, é que nos vindeiros meses a caida da actividade feminina seja maior que a masculina (já que ainda que num primeiro momento o paro centrou-se em actividades muito masculinizadas, agora extende-se ao sector serviços no que estam ocupadas o 82% das trabalhadoras galegas)
É neste contexto de crise, precariedade e desigualdade, no que aparece a verba austeridade como a escusa e a ferramenta perfeita para recortar direitos.
Assím com supostos argumentos de austeridade, que afectam especialmentalmente ás mulheres , podem-se mencionar entre outros os seguintes recortes nos últimos meses:
· Os orzamentos destinados a igualdade reducirom-se de 32 milhons
no 2009 a 6,7 milhons de euros na actualidade
· Reduçom do orzamento no programa de apoio á conciliaçom da vida familiar e laboral pasou de 5 milhons de euros a 1 milhom de euros
· Desmantelamento das redes de bem-estar,
· Reconversom dos centros de informaçom e formaçom sexual,
· Supressom da ajuda de 557 euros ás mariscadoras de a pé que nom tinham o tempo de cotizaçom necessário para aceder á pensom,
· Supressom do programa de ajuda ás mulheres redeiras,
· Eliminaçom das equipas de igualdade que trabahlavam nas oficinas de I+B,
· Eliminaçom do Servizo Galego de Igualdade (o 13 de outubro do 2.010 mediante decreto lei),
· Eliminaçom do Ministerio de Igualdade (o 20 de outubro do mesmo ano).
· Reforma do sistema de pensons com prolongaçom da idade de jubilaçom e abaratamento da quantia das pensons.
· Reforma laboral que perpetua a precariedade
Pero esta austeridade nom se aplica no sentido contrario, e assim florescem com cargo a orzamentos públicos,
· organizaçons privadas com ánimo de lucro que revitalizam as ideias de beneficência e caridade como modelo de protecçom social.
· leis como a “red Madre” com a que se tenta retroceder nas conquistas acadadas pola luita feminista nos direitos das mulheres
· leis como a de familia, em trámite, que según palavras textuais do “Consello Económico e Social de Galicia “, “ entende que este anteproxecto de Lei é regresivo, xa que leva implícitos graves recortes dos dereitos das mulheres, facendo retroceder moito tempo atrás os avaços sociais, así como pola profunda carga ideolóxica que conleva, recuperando a retórica da familia heterosexual e a maternidade como rol social vital das mulheres, o cal supón o control, a fin de contas, da súa vida sexual.
Pese á ambigüidade do título, o anteproxecto non pretende establecer accións de apoio á convivencia, senón recuperar o rol tradicional das mulheres, para aforrar así recursos orzamentarios en dependencia, en garderías e escolas infantís, en actividades extraescolares e comedores. No canto de establecer medidas por parte da administración que estimulen a natalidade, que favorezan a maternidade como unha escolla libre; no canto de abrir as escolas pechadas no rural, de construír novas unidades con horario ampliado e adaptado aos horarios laborais, de ampliar a rede pública de escolas infantís e centros de día, de establecer unha liña de axudas á conciliación e á natalidade, de evitar e perseguir as discriminacións relacionadas coa conciliación da vida familiar e laboral, de protexer ás mulheres da pasividade das mutuas na protección do embarazo e da lactación; coa escusa de protexer á familia, o que realmente se agocha dentro do contido do anteproxecto de lei, é conseguir desde os poderes públicos que as mulheres non exerzan o seu dereito a decidir libre e informadamente sobre a súa maternidade, reforzando, desde a administración pública, e con rango de lei, os discursos que cimentan o patriarcado.”
Assim a soluçom neoliberal á crise consiste num desmantelamento dos serviços públicos com um transvase de fondos públicos cara o privado, e a soluçom patriarcal é que a mulher volte ao fogar. Conformando-se um ataque ao estado do bem-estar (mediante privatizaçons de serviços públicos) ao que enfrontam a sua alternativa de modelo do Estado do malestar.
A economia bancarizada e especulativa convertida simplesmente numha actividade ao serviço dos poderosos, destrutora de empresas criadoras de riqueza, de emprego e de bem-estar é a pior arma de destruiçom masiva que existe.
Ambas soluçons, a neoliberal e a patriarcal, caminham da mam e alentadas polos sectores mais antidemocráticos. Por isso insertar o discurso feminista em toda práctica transformadora é clave para nós.
As mulheres e as nossas organizaçons somos hoje mais necessárias que nunca. Ante outras situaçons de crise ás mulheres também se lhes pressionou para retirarse do mercado de trabalho e da esfera pública, para pechalas no fogar e que assumiram o papel tradicional de nais e esposas.
Mais hoje, as mulheres temos avanzado muito en direitos civís e en formaçom. Temos demostrado sobradamente a nossa competência para desenvolver todo tipo de actividades e temo-lo demostrado em diferentes âmbitos: na ciência, na cultura, na económia, no desporte, na política, pero sobre todo temos avançado na nossa consciência de ciudadania e na nossa autoorganizaçom e consciência feminista e esto é imparável, tem que ser imparável. Todas as mulheres ainda que tenhamos diferentes ideologias temos que unir-nos e demostrar que nom imos permitir dar nim um só paso atrás máis nas conquistas dos nossos direitos, e pola contra imos a seguir aprofundando neles.
Boa mostra disto é o “Consello Municipal da Muller de Vigo”, no que estamos 23 organizaçons de mulheres e organizaçons feministas, desde o que temos elaborado politicas de igualdade fundamentais para o avanço dos direitos das mulheres. Que esta andaina que começamos hai já 18 anos entre todas nós a continuemos com a mesma firmeza, desafiando ao patriarcado, e cosendo o nosso futuro con agulhas de luita e fios de esperança.
Viva o 8 de março, viva a luita das mulheres.
Vigo 08 de março do 2011
Luisa Ocampo Pereira
A PUBLICIDADE PARA AS MULLERES É VELENO
Para as pensadoras do século XIX, como Pardo Bazán, o século XX estaba chamado a conseguir a liberación das mulleres. Lonxe estamos aínda de completar tan desexado obxectivo, pero houbo grandes logros en educación, en formación universitaria, en acceso a postos de relevancia, tanto políticos, como científicos ou laborais.
Foise construíndo un movemento de resposta social que propiciou certas liberdades que hoxe exercitamos.
Aprobáronse leis de longo alcance, Lei de Igualdade, Lei de medidas de protección contra a Violencia machista, Lei de Igualdade no Traballo. As leis son magníficas, non así o seu cumprimento.
Ao Goberno galego non lle agrada a Lei de Igualdade e mesmo elimina organismos institucionais dedicados a velar pola xusta equiparación das cidadás na sociedade.
Os nosos avances na consecución de dereitos son lentos e requiren moito esforzo, sacrificio e valor, por iso é terrible e doroso comprobar que se retrocede. Nin un paso atrás! debe ser un dos nosos gritos, este 8 de Marzo. Temos que reafirmarmos no gañado e non ceder nin un ápice.
Os nosos obxectivos, o noso progreso, ademais, coincide coa prosperidade colectiva da cidadanía. As mulleres marcamos o termómetro do desenvolvemento e do benestar en calquera sociedade. Unha razón máis para que as autoridades nos presten atención.
Cada comunidad crea cultura, e a acción humana depende desa cultura. O Goberno Municipal de Vigo que busca consolidar un alimento cultural que faga máis doada, e por que non dicilo?, máis feliz, a vida citadina, non pode ser cómplice das inxusticias que soporta a cidadanía feminina.
No relativo ao eido laboral, as mulleres cobran un 23% menos que os operarios masculinos e asumen os traballos de menor cualificación. Ademais de encargarse maioritariamente do traballo doméstico gratuito.
Ante o asesinato masivo das nosas conxéneres; ante un terrorismo que nos amarga e indigna regularmente, as autoridades limítanse a gardar un minuto de silencio. Cando ven ou asisten ás honras que se lles conceden ás víctimas de Eta, ou aos soldados falecidos en acto de servicio, non sabemos que pensan, non sabemos se lles acode á mente as víctimas do terrorismo sexual, do que chaman “lacra social” coma se fose unha epidemia de peste, en lugar de ser a consecuencia dunha misoxinia cruel. Pero recoñecerán que as mulleres son mortas de segunda.
Motivo fundamental do trato discriminatorio, é o desprestixio, a infravaloración feminina. A iso contribúe en gran medida a manipulación da nosa imaxe nos media. Na TV, nos xornáis, no teatro, no cine, regalan corpos de cidadás, algunhas case nenas, en posicións de provocación sexual e con xestos lascivos, para seren obxecto de satisfacción machista. Son orixe da pornografía, da pederastia e da venda a prostituidores, cunha linguaxe obscena de reclamo para os que compran corpos de persoas.
O desprestixio das cidadás é total. Pensemos que representacións equivalentes tomando como modelo a individuos de outras etnias ou cores, sería acusado de racismo e legalmente impedido. Coas mulleres todo vale. Reciben aldraxes públicos de cotío.
Por iso, o abuso, o maltrato e o asesinato é posible. Non hai respecto para unhas seres tan vilipendiadas. As feministas non comprendemos como as autoridades condenan as violacións, o maltrato, o crime, mentres consenten a vexación pública das cidadás.
Mesmo o minuto de silencio cando matan unha muller é unha hipocrisía se non se molestan en eliminar a publicidade indecente que deshonra as cidadás viguesas e envalentona a certos individuos a tomarse a revancha.
As Leis son correctas, pero faltan mecanismos de control que sancionen as transgresións.
O Concello de Vigo, de acordo coa Concellería da Muller e o Consello Municipal da Muller, debería redactar un Código Deontolóxico seguindo os artigos da Lei de Igualdade, como:
- Artigo nº 36 que obriga a velar por unha imaxe igualitaria, plural e non estereotipada de mulleres e homes…
- Artigo nº 37, relativo á TV, indica que debe reflectir adecuadamente a presenza das mulleres nos diversos ámbitos da vida social, utilizar a linguaxe de forma non sexista, transmitir o principio de igualdade e erradicar a violencia machista. Así mesmo, fomentar a relación con Asociacións de Mulleres para identificar as súas necesidades e intereses no ámbito da comunicación.
Ningunha Asociación, que saibamos, recibiu nunca unha consulta e asistimos indignadas ás aldraxes de certos programas que denigran a nosa imaxe.
Unha desculpa que esgrimen as Institucións é que non poden intervir nos medios privados. Non di iso a Lei de igualdade.
Artigo 39. A Igualdade nos medios de comunicación social de titularidade privada.
1.- Todos os medios de comunicación respetarán a igualdade entre mulleres e homes, evitando calquera forma de discriminación.
2.- As Administracións públicas promoverán a adopción, por parte dos medios de comunicación, de acordos de autorregulación que contribúan ao cumprimento da lexislación en materia de igualdade, incluíndo as actividades de venda e publicidade que naqueles se desenvolvan.
Artigo 41.- A publicidade que comporte unha conduta discriminatoria con esta Lei, será considerada publicidade ilícita.
Conforme a estes e outros artigos, as Autoridades están facultadas para intervir en toda publicidade velenosa contra as cidadás.
Para compensar a nefasta situación das cidadás galegas este 8 de marzo, chegan noticias de fasto. Iniciamos o ano cunha extraordinaria sorpresa: as revolucións populares nos países árabes reclamando liberdade, mellor nivel de vida e democracia. Pensamos na situación das mulleres veladas, ocultas, infames e xa comezamos a velas espertar. “A única forma de madurar no ejercicio da liberdade é camiñar dentro dela” dixera Humboldt. Nós tivemos a experiencia despois da Transición no noso país. E non está de máis lembrar que hai menos dun século as mulleres galegas cubrían a cabeza cun pano, maiormente negro.
Outra luz de optimismo procede da ONU. Acaban de inaugurar a primeira Axencia dedicada á muller, coa presidencia de Ban Ki-moon e o magnífico discurso da socialista Michelle Bachelet, a primeira muller que chegou á Presidencia de Chile.
O ONU considera fundamental a creación de organismos dedicados a facer recuar o machismo, na certeza de que ese retroceso será beneficioso en xeral, porque a desigualdade entre mulleres e homes, como xa espuxemos antes, impide avanzar no desenvolvemento, na paz, na seguridade e o cumprimento dos dereitos humanos.
Desde a ONU van irradiar normativas que contribúan a proscribir os criterios de menosprezo das mulleres e a controlar que os dereitos humanos sexan unha realidade.
Sería para as viguesas/es un orgullo que as nosas Autoridades Municipais non agardaran as reclamacións da ONU para instaurar as súas normativas e o seu propio Código Deontolóxico , e que os Partidos políticos as inclúan nos seus respectivos programas.
Hoxe, Día Internacional da Muller do 2011, cúmprese un século da efeméride. Foi solicitado pola lider socialista alemá Clara Zetkin na Conferencia de Mulleres Socialista celebrada en Copenhague en agosto de 1910. A iniciativa foi seguida por Alemaña, Suecia e Rusia. Máis dun millón de mulleres participaron públicamente na 1ª celebración.
En Vigo, celebrouse en marzo de 1936, meses antes do alzamento fascista, convocada pola Asociación de Mulleres contra a Guerra e o Fascismo, nome que xa era un mal presaxio.
Non se volveu conmemorar ata 1975, como un signo fundamental da transición política neste país. Ese ano vaise tamén iniciar o Feminismo activo e público na Galiza.
Un século de conmemoración é moito pero tamén pouco cando se trata de desterrar a misoxinia, instalada nas zonas máis primitivas dos cerebros masculinos e femeninos. Necesitamos impulsos firmes da sociedade.
Por iso, hoxe no centenario do 8 de marzo solicitamos das autoridades desta cidade que fagan valer a Lei de Igualdade, que impidan os abusos ignominiosos que se fan da nosa imaxe e que defendan a honra e a autoestima das cidadás.
Agardamos que así sexa.
FEMINISTAS INDEPENDENTES GALEGAS (FIGA)
******************************************************************************