Translate

Reseñas e críticas


RANDEA DO ALENTO de Herta Müller
Edicións Xerais. Colección: As Literatas. 2010
Tradución ao galego de Marga Doval

Presentación de: María Xosé Queizán

Teño reflexionada sobre o feito de que en momentos de grandes traxedias e sufrimentos colectivos pode haber persoas que encontren a felicidade. Cantas e cantos non se terán namorado nun refuxio antiaéreo protexéndose das bombas, ou nun furgón que os leva á cadea ou a un campo de concentración! Cantas persoas non forxaron na guerra fondas amizades... É marabilloso que as persoas sexan quen de vivir momentos de felicidade e de pracer, rodeadas dos desastres e a dor do contorno, ou de salvar o altruísmo, a amizade, o amor en tempo de odio. Trátase do azar desafiando á necesidade.
O protagonista desta novela desexa formar parte da leva que o obrigará, despois da Guerra, a padecer os rigores, as torturas e as humillacións nun campo de traballo ruso, onde os rusos recluían os alemáns. O desacougo da familia é grande ao despedir a un rapaz de 17 anos para un destino cruel. Non poden evitar pensar que o están vendo por última vez. Menos a avoa que vaticina: “Ti vas volver”. Esa afirmación da avoa dálle azos ao protagonista para resistir a tortura e, así mesmo, concede tensión á novela. Pensar que o protagonista se pode salvar propicia a lectura.
Volvendo as reconsideracións iniciais. O rapaz de 17 anos vivía unha represión na súa propia vila “onde todas as pedras tiñan ollos”. Era homosexual e acadaba a realización do seu desexo visitando un parque, chamado dos rendez-vous, citas a cegas con homes descoñecidos, con nomes supostos. Tamén había rendez-vous na sauna dos baños públicos. Eran encontros presididos polo medo a seren descubertos. Un rendez vous podía supor brutais interrogatorios e cinco anos de cadea. Ademais da deshonra da súa familia que pertencía á raza aria alemana entre xente romanesa. Os rendez vous con romaneses serían máis humillante para a honra patria da minoría alemá. Eran pobres pero distintos e superiores.
O protagonista, levado polo xuvenil instinto sexual, xa estaba pendente dun fío na súa pequena e conservadora vila. Así comprendemos que a súa condución a un campo de traballo ruso supuxera daquela unha liberación. Sae da vila como “un valente parvo”.
Vivirá despois situacións espantosas, repetidas en distintos momentos históricos, porque o sadismo provocado polo patriotismo se repite e semella. Os nazis son tomados como paradigma pero os campos rusos non tiveron nada que envexar nin os de moitos outros países. O afán de odiar e humillar os Outros, os que non son Nosos, é universal. Nesa ideoloxía de inmolación e crueldade calquera país pode ser o Outro na roda da historia.
O rapaz é metido cunha morea de xente no vagón de gando dun tren. Animalizalos é a primeira medida. As táboas do chan do vagón foran serradas para deixar escapar os mexos e as feces. Acabárase a dignidade persoal. Os homes beben augardente (a autora non nos di se ás mulleres lle estaba vetado beber alcol ou se era acaparado polos homes ao teren poucas reservas). As mulleres cantan, sempre a mesma canción, que se ha repetir como a amrgura no campo, como un laio de saudade neses anos nos que o Anxo da Fame sobrevoa sobre as súas cabezas.
O Anxo da Fame forma parte dos nomes senlleiros cos que a autora define unha fame onde o “padal é máis grande que a cabeza, unha bóveda alta na que resoa todo até arriba no cranio”. Este realismo, diría máis, materialismo descritivo, permanente en todo o libro, será o que consolide este libro como un fito orixinal no tratamento dun tema xa repetido. É a escrita realista de Herta Müller a que converte esta novela nun texto orixinal e verdadeiro, que mostra a crueldade dun Campo de Concentración.
A Fame nesta novela é unha personaxe omnipresente, crónica, nova por riba da vella, e materialízase até que xa non se ten cerebro na cabeza, soamente o eco da Fame. Nótese que a autora escribe cranio e cerebro. “A fame é a miña dirección, se non son eu a súa”. “Eu fun instruído pola fame”. “As palabras de fame, palabras de comida, dominan todas as conversas. Cada persoa come as súas propias palabras.Todo o que eu facía tiña fame. “O Anxo da fame arrastraba para as nosas camas cada vez máis piollos e chinches. Incluso a morriña, á que non quere abandonarse, non é saudade, é fame, fame polo lugar onde estivo ben mantido. Tamén comenta a degradación e deshumanización que provoca a Fame. Alude sempre ao material. Un cerebro con fame non pode pensar. Supoño que o comprendeu moi ben o presidente Lula cando se propuxo en primeiro termo que toda a xente do Brasil comese.
No Campo aprenden a comer herba, follas, a expoñerse para conseguir sal, duro coma unha pedra. “Ter fame e ver morrer de fame”. Comproban como van perdendo a carne e quedándose nos ósos. “Cando desaparece a carne do corpo, levar os ósos convértese nunha carga que nos empurra para o fondo do chan”. Aí temos o realismo profundo de Herta Müller que explica mellor os feitos que as metáforas ou os símbolos. Anos despois, cando o protagonista está na vida normal serán os obxectos do Campo, “un tras doutro, como un rabaño, os que o veñen torturar. “Non só están na cabeza, senón que cargan no estómago, ascenden polo padal” O corpo real. Como ven hai razóns para afirmar que a escrita de Randea do Alento é esencialmente materialista.
Algo que as persoas acostumamos facer cando estamos nunha situación crítica, é buscar fóra un punto de apoio onde pendurarse e agarrarse á vida. Faino o protagonista cando busca un canto de nubes no ceo, cando a chuvia non picaba nos ollos e se pegaba a roupa ao corpo ou a xeadas trabáballe as entrañas. Fame. Frío. O Frío, outro gran inimigo.
As palabras, os sons,“as ordes dos rusos que so entendían polo desprezo que incorporaban, os nomes que renxían ou grallaban, tusían ou espirraban. “O ruso é un idioma acatarrado” Palabras, sons.
Pan. Distribución diaria pormenorizada a cargo dunha muller insensible, disciplinada. Pesaba o pan e daba a ración exacta. Despois a disciplina tocáballes aos reclusos para non comelo todo e reservar debaixo da almofada un anaquiño para a sopa da noite. A gran enteireza era ter fame e ter pan, mais non comer o pan. Se alguén tiña a tentación de roubar un anaquiño de pan, o castigo era implacable. “ O Tribunal do pan, non delibera, castiga. A xustiza do pan é violenta. Perante o tribunal do pan non se pode acudir a unha moral ordinaria.
Materiais. Sempre presentes. Úsaos para aludir ao traballo. Un deles: cemento. Construír, carretar cemento cos labres cortados. “Vivimos do xeito que quere o cemento” O cemento personalizado como a Fame, como o frío. “Un é cementado” Enfermar de cemento . Ver cemento por todas as partes. O material entra no corpo, na mente. Tamén o po vermello dos tixolos entraba, aínda que non tan profundamente como o cemento.
O cal, outra materia. As mulleres do cal, unha brigada de mulleres que tiran dun carro de cal por unha costa empinada, con correas arredor dos lombos e das cadeiras, cinco de cada lado. Unha sentinela vixiando a manobra. Cando hai lama, as moscas cheiran o sal nos ollos chorosos e o sucre no cuspe do padal famento. As moscas tapan os ollos e entran na boca. Realismo cru.
O carbón era o único material que sobraba no Campo de traballo: gordo, con xofre, de diferentes calidades e procedencias. O carbón era o que podían trocar na vila por algo de comer. Levábano nun trapo para pedir esmola na aldea. Do carbón podíase facer augardente. Necesidade de anularse co alcol. O alcol de carbón producía a morte.
O calzado que recibían no Campo eran unhas tamancas de madeira e tea de saco, que logo se esfiañaba. Debían durarlle medio ano. Trataban de amañalas, de conseguir trapos, cauchos, para ilas rendendo. Tamén a roupa repartíase cada seis meses. Igual para mulleres e homes. As mulleres traballaban como homes e vestían como homes. A idealización do feminino queda reservada para outros contextos.
Un instrumento de traballo, a pa, que chama
pacorazón na descarga do carbón. “Desexaría que a pacorazón fose a miña ferramenta. Mais ela é a miña señor. Eu son a ferramenta”
Todo o que marca a vida e comparten no Campo é subliñado. A descrición pormenorizada do tipo de piollos. As mulleres se cataban os piollos. Os homes, non. Cando as roupas estaban invadidas, e “ o martirio dos piollos facíase insoportable, puñan os xerseis fora, no xeo, para conseguir que os piollos escapasen.
Tamén fornicar tiña un nome de artefacto: Zepelín, un tubo grande onde se escondían para aparellarse como gatas cos soldados alemáns.
Cando ao final, o protagonista retorna a casa, maréase de liberdade. Fóra de si e fóra da familia. Ninguén pregunta nada cando chega a casa, nin el conta. Coidaran que morrera. “ O terror, di, foi máis grande que a sorpresa cando regresei”. Era un descoñecido.
Herta Müller en Randea do alento, alento dun padal de fame, relata a verdade espida, o material acontecer das cousas, a realidade con toda a crueldade e coas palabras precisas.
Palabras que transporta en galego Marga do Val, coa mestría, a forza, a beleza que a caracteriza. Sabemos que debeu ser un traballo moi difícil, pero cando traduce as palabras da autora “suaba na xeada e xeaba no suor” eu escoito a Marga Doval.