Translate

5 jul 2012

Actuacións xudiciais


A democracia ofrece acotío tantas mostras de deficiencia que a consideramos como un mal menor. Pero en ocasións, a independencia de poderes, ofrécenos un respiro. Tal foi cando imputaron a dirixentes das Caixas galegas, e mesmo algúns víronse obrigados a dimitir, ou tal é hoxe, cando, por mor dunha denuncia, os dirixentes de Bankia son acusados de estafa e outros delitos contra a propiedade.
A crise está provocando unha penuria económica na poboación traballadora e o desengano entre a cidadanía consciente, pero, paralelamente, ao sinalar o sistema culpable, o capitalismo, descubrir a dilapidación da riqueza e a corrupción que motivou a crise, obriga á cidadanía á reflexión. Así, dirixe a ollada e a voz acusatoria contra os representes do Goberno e da Administración, que teñen unha gran responsabilidade, e contra os dirixentes bancarios que se lucraron en exceso e provocaron o afundimento.
Se ben é certo que o momento é duro, maiormente para as persoas desempregadas, tamén o é que a cidadanía aprendeu moito sobre unha economía estafadora, e sobre un goberno que non dubida en oprimir, suprimir dereitos e obrigar a “apertarse o cinto” á xente que produce a riqueza da que eles se benefician.
Daquela, hoxe recibe unha satisfacción. A xustiza vai facer xustiza. Sinala co dedo rigoroso a un fato de banqueiros, intimamente relacionados co goberno, para máis inri. Satisfacción, pois.
Mágoa que as feministas non poidamos gozar plenamente do momento. Na Esfera Privada, onde as mulleres son oprimidas, maltratadas e asasinadas, aínda non chegou a Xustiza. Para cando?

María Xosé Queizán

2 jul 2012

As novas da RAE

A RAE vén de incorporar un número de entradas ao seu dicionario da lingua que me trae á memoria o razoamento dunh@ graffiteira do meu barrio: “tía, si no se torpedean las academias de la lengua es porque salen baratas y llevan el título de Real, que mola mazo”. Fachendosa castrapofalante, non creo que a deusa do sprai pensara na RAG cuxa existencia descoñece.
Pero non vai moi despistada porque a lingua máis viva do planeta, o inglés, a pesar de carecer de tutela académica, quen non a domina non se move nin nos cumes, nin nos (silicon) vales.
Non obstante, curioseo nas achegas dos dicionarios para comprobar en que medida se adaptan as Academias ao devir dos tempos. Ler todo o artigo