Translate

11 may 2012


NACER É CONXUNTURAL, MORRER NON DEBE SELO


O Senado de Arxentina aprobou unha Lei de Morte Digna (preferiría chamala Voluntaria) que garante o dereito @s enferm@s terminais a rexeitar tratamentos ou reanimacións para prolongar a vida.
As leis, ben sabemos, non sempre se cumpren, e o que é peor, non se demandan. Por iso, mentres non exista unha Lei de Eutanasia racional, cómpre facer un testamento vital, por se nos coincide perder o sentidiño á beira de persoas irracionais que non o demanden.

9 may 2012

Non sen remorsos pero o por fin unha denuncia consegue o efecto desexado 

O concurso cancelado

Comunicado de MNG, ao que nos sumamos FIGA, contra a elección da Raíña das Festas 2012 do Concello de Sarria, concurso que degrada e volve a utilizar o corpo da muller como obxecto de consumo.


Unha vila en festas, con todos os ingredientes populares; entre eles, o maior anacronismo que se mantén: a ridícula elección dunha raíña das festas e as súas damas de honra.
A pesar de que nos últimos anos o discurso de xénero empezou se inserir nas políticas públicas, resulta interesante preguntarse como estas modificacións contribuíron a superar as relacións historicamente asimétricas entre homes e mulleres. Constatamos que a pesar de existe maior presenza feminina nos espazos públicos de poder, as políticas oficiais moitas veces limitan o discurso das mulleres a programas e proxectos relacionados coa violencia doméstica e a maternidade, aprazando a necesidade de superar realmente a discriminación de xénero.
Doutra banda, é un feito que existe unha fenda entre o discurso e a práctica institucional pois moitas veces a construción de políticas de xénero atópase con resistencias e prácticas culturais discriminatorias. Desde esta realidade é posible entender como a oficialidade segue promovendo espazos como as eleccións de raíñas, onde a muller é concibida como obxecto decorativo, onde o seu corpo está suxeito á valoración e goce da mirada masculina.
Nunha sociedade na que presuntamente se avanza na igualdade de xénero, mantense practicamente intacto o espírito e a estética dun espectáculo que fai pasear, mide e vota o corpo da muller. Nun concurso de beleza o fundamental é o corpo humano, concretamente o corpo da muller, ao que se lle pon un prezo e se comercializa, que é o que sempre fixeron os homes, comercializar con todo aquilo que non poden controlar. Proxéctase así a idea da muller como un obxecto, un marco mental que evidentemente non está só vinculado a este tipo de concursos senón que provén dunha cultura na que se ensina a buscar a propia estima na imaxe. Nestes concursos preséntase a beleza como un medio para ascender socialmente no que se trata de explotar o capital corporal nunha sociedade que despreza o mérito e a preparación. As bases deste tipo de concursos redundan na idea de muller-obxecto, obxecto de desexo.
Nos últimos anos decaeu o interese neste tipo de eleccións da man do avance da igualdade, pero non desapareceu e nalgúns casos como o que nos ocupa «recupérase»... Todo concurso, dinnos, persegue un fin e rexeitan que se poida falar de sexismo. O que se valora, argumentan, é a «beleza», unha beleza diferente á das modelos «ás que se lles esixe unhas tallas moito máis pequenas, con máis curvas»; neste caso é a estética do «pobo». Para rebater as acusacións de machismo, sinálase que tamén hai certames masculinos pero o debate sobre o home obxecto e a exhibición de músculo ten ingredientes moi diferentes que merecería unha análise aparte.
Pero o asunto consiste en que estes torneos non só reproducen as inequidades de xénero, senón que tamén contribúen a manter asimetrías doutra natureza, inseridas nun patrón de poder global fortemente inseridos nos imaxinarios sociais. Estes reinados ademáis de recrear un ideal de beleza feminina buscan reafirmar os valores morais dominantes. Por exemplo, unha raíña nunca poderá aprobar publicamente o aborto, o ateísmo, a conveniencia do divorcio, declararse lesbiana ou afirmar os dereitos sexuais das mulleres... Os certames de beleza , utilizan á muller para afianzar un modelo de poder ou para propor un retorno a certos valores tradicionais inamovibles; fixan no tempo os roles e as funcións que deben ser asumidos polas mulleres.
Por isto solicitamos a suspensión do certame para a elección da Raíña das Festas 2012, por considerar que este anacrónico concurso constitúe unha exaltación do máis rancio machismo e atenta contra a dignidade das mulleres. Consideramos intolerable que desde unha institución pública, como o Concello de Sarria, e cos impostos de cidadáns e cidadás se sosteña unha actividade que nin achega nada ás festas nin foi nunca tradición. Solicitamos así mesmo que o Concello se comprometa a suprimir para sempre do calendario de actividades festivas este tipo de eventos nos que non se mostra respecto ás mulleres. Os tempos da muller floreiro hai tempo que pasaron á historia. Gustaríanos, por iso, que as concelleiras, adherisen á nosa petición e demostrasen así aos seus compañeiros que elas tampouco son mulleres floreiro, nin obxectos decorativos no salón de plenos do Concello de Sarria. Elas non deberían tolerar ser comparsas dun espectáculo tan pouco edificante, con independencia do xénero ou das preferencias políticas.

Mulheres Nacionalistas Galegas

Que vergonza de país:

Curso de prostituta profesional na Comunitat Valenciana


A prostitución é unha violación dos dereitos humanos e polo tanto inasumible nun estado democrático civilizado. Non existe a prostitución libremente elixida. A prostitución é unha  manifestación extrema, real e simbólica da violencia de xénero. Mentres exista a posibilidade de mercar o corpo dunha muller ou de calquera ser humano, seguiremos nun estadío de barbarie.