Translate

Manifestos


MANIFIESTO ‘DECIDIR FAINOS LIBRES’ (manifestación 28-S, 2012)
Diante do anuncio por parte do Goberno do Partido Popular de reformar a actual Lei Orgánica 2/2010 de Saúde Sexual e Reprodutiva e da Interrupción Voluntaria do Embarazo, as organizacións abaixo asinantes MANIFESTAMOS:
A nosa indignación ante o retroceso que suporía a posible reforma da lei no recoñecemento dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres.
A nosa absoluta negativa a aceptar un recorte na liberdade e autonomía das mulleres no relativo á súa sexualidade e a decidir sobre a súa maternidade. Se non podemos decidir, non somos libres.
O noso desacordo co fondo argumental –ideoloxicamente retrógrado e manipulador- co que se pretende xustificar a reforma.
A nosa repulsa diante do feito de que a vulneración dos dereitos das mulleres sexa o resultado  do selo ideolóxico do PP.
Por todo o antedito,
DENUNCIAMOS que a perda de dereitos en saúde sexual e reprodutiva poñería en maior risco a saúde e a propia vida das mulleres. AFIRMAMOS, pola contra, que o goberno está obrigado, de acordo coa normativa europea e internacional, a referendar a protección e seguridade xurídica en materia de
dereitos sexuais e reprodutivos.
DENUNCIAMOS que a coacción e limitación no uso das liberdades individuais das mulleres constitúe “violencia de xénero estrutural” e AFIRMAMOS, pola contra, a inquebrantable vontade das mulleres de vivir unha vida libre de Violencia e de coaccións.
DENUNCIAMOS que o recorte nas liberdades das mulleres é debido á presión da xerarquía eclesiástica católica e de grupos ultraconservadores.
AFIRMAMOS, pola contra, a necesidade dunha sociedade laica e democrática libre de imposicións relixiosas.
DENUNCIAMOS a lamentable argumentación decimonónica que salienta como único dereito da muller o da maternidade sen libre elección. AFIRMAMOS, pola contra, o noso dereito a decidir sobre os nosos corpos e as nosas vidas, nunca de acordo con un prototipo de feminidade que discrimina ás mulleres.
DENUNCIAMOS a arbitrariedade no manexo e uso do concepto “dereitos”, xa que a aceptación dos dereitos humanos das mulleres é incompatible coa súa regulación no código penal. AFIRMAMOS, pola contra, que onde hai “dereitos” non hai “supostos” e que o exercicio dun dereito non é punible.
DENUNCIAMOS que a negación dos dereitos sexuais e reprodutivos das mulleres leva aparellado un retroceso en cuestións tan básicas como a educación sexual ou a mellora no acceso á anticoncepción, incluída a de urxencia. AFIRMAMOS, pola contra, que existen, SI,  dereitos específicos das mulleres en saúde sexual e reprodutiva e debe haber, xa que logo, dereito a prestacións específicas na carteira nacional básica de servizos sanitarios.
PORQUE DECIDIR  FAINOS LIBRES
Organización  asinantes:
1. Asociación Mulleres Dorna
2. Asociación Purpura
3. Asociación Viudas Demócratas de Vigo
4. Coordenadora Galega da Marcha Mundial das Mulleres
5. Consello Municipal da Muller do Concello de Vigo
6. Feministas Independentes Galegas
7. Mulheres Nacionalistas Galegas
8. Mulleres Progresitas Alba
9. Rede de Mulleres Veciñais contra os malos tratos
10. Plataforma para á Defensa da Sanidade  Pública
11. Plataforma SOS Sanidade Pública
12. CCOO
13. Secretaria Confederal da Muller da CIG
14. UXT
15. Esquerda Unida
16. PSdeG- PSOE
17. Xuventudes Comunistas de Galicia
18. Xuventudes Socialistas de Galicia
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------


SUPRESIÓN Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller

As asociacións abaixo formantes, tendo coñecemento da decisión do goberno da Xunta de Galicia de levar a cabo o proxecto de lei polo que se suprime o organismo autónomo Servizo Galego de Promoción da Igualdade do Home e da Muller (orde do día 13 de outubro, do pleno do Parlamento) manifestamos a nosa indignación ante esta medida prexudicial para o desenvolvemento dos dereitos das mulleres na Galiza.
Consideramos que neste momento no que a posta en práctica de medidas para a igualdade efectiva entre mulleres e homes, como recoñece o artigo 9.2 da Constitución Española, e que subliña a Lei de Igualdade, resulta case inexistente, a decisión do goberno galego supón un evidente obstáculo contra o avance dos dereitos das mulleres .
O obrigado cumprimento que establecen estas normas de rango superior e que delega ás administracións a responsabilidade de tomar medidas para que a igualdade sexa real e efectiva, delatan a neglixencia do goberno galego, que desartella un organismo competente, en lugar de reforzalo, menosprezando o seu labor e a súa experiencia no campo referido, nun momento no que a demanda social require solucións urxentes.
A crúa realidade móstranos acotío a situación de desamparo das vítimas de violencia de xénero, mulleres acoiteladas, nenas e nenos asasinados por vinganza polos seus proxenitores. Estes datos que soamente parecen converterse en cifras estatísticas son, en realidade, o desenlace bestial da falta de equilibrio na nosa sociedade; o desenlace de políticas frívolas de igualdade que ignoran os problemas de fondo: o desequilibrio salarial entre homes e mulleres, as carencias na formación, ou as dificultades con que se encontran as mulleres que pretenden incorporarse con normalidade ao mundo laboral.
A incapacidade para facer fronte a esta problemática, non se soluciona co desmantelamento dun servizo autónomo de igualdade (creado polo seu propio partido no ano 1991) senón ampliando o seu apoio ao mesmo para que chegue a ser máis competente e útil á sociedade.
Por todos estes motivos as organizacións, vocalías, secretarías da muller, alertadas da intención da Xunta de levar a cabo o devandito proxecto de lei, o que suporía un debilitamento dos recursos de atención ás mulleres, queremos manifestar a nosa firme repulsa contra a disolución do Servizo Galego de Igualdade, que consideramos unha traba para o avance das políticas levadas a cabo pola Xunta desde a creación deste servizo.

Asinan o manifesto:
FIGA
Mulheres Nacionalistas Galegas
Rede de Mediadoras Contra os Malos Tratos de Vigo
Asociación de Mulleres Dorna de Vigo
Secretaría da Muller de CCOO.
Secretaría da Muller de U.X.T.
En Vigo 08-10-2010

No hay comentarios:

Publicar un comentario