Saudamos as declaracións conciliadoras do novo Académico señor Saavedra, preocupado pola situación de desigualdade que padecen as mulleres desta sociedade. Aplaudimos a súa reflexión feminista que remata cun matiz incoherente: non cre que a desigualdade se equilibre incrementando a cota de participación feminina (ou sexa, o acceso a postos de relevancia económica ou de consideración social e cultural como poden ser as cadeiras da Academia).
LVdG. II-12 |
Sen escaparnos nunha digresión de máis longo alcance e simplificando moitísimo, pensen que non hai lei natural que "iguale" desde a desigualdade. Como ben recoñeceu o historiador, os obstáculos fundamentais que as mulleres deben sortear para chegar a igualdade non viñeron da súa natureza, senón dunha cruzada patriarcal consciente que se foi apoderando dos seus espazos ata reducilas ao eido doméstico. As cotas femininas son unha insignificante demanda sobre a inmensa débeda secular ás mulleres.
E regresando as declaracións do académico Sr. Saavedra: a ningún académico lle dará por reflexionar na hipercota masculina? Sobre todo en espazos nos que a presenza e a capacidade feminina debería invertir a balanza? Porque hai décadas que as mulleres ocupan as facultades de letras e os espazos culturais deste país.
Pero ten razón; e ao mellor o feminismo debería dar un golpe de timón e non demandar cotas femininas, habería directamente, que denunciar as hipercotas masculinas.
MBC. FIGA