Translate

20 mar 2012

O ODIO RACISTA REXORDE REGULARMENTE

María Xosé Queizán

Un profesor e tres estudantes dun colexio xudeu en Toulouse foron abatidos a tiros. A repulsa lémbrame a que me provocou un caso de nazismo, daquela en Rusia, hai 19 anos.


RUSIA: FINAIS DE 1993


Cando a bicha cavernícola rebenta
vomita unha palabra como lei
xudeus
costume de matanza
xudeus
albo de odio e temor perpetuo
a estilo persa, exipcio, romano, nazi
persecución
coa cruz cristiá ou a media lúa do islám.

Xudeus
ricos avaros ruíns lúcidos
inventores e asasinos de deus
opresores perseguidos
profetas impíos.

Habitantes do exilio eterno son
Xesús, Kafka, Marx, Einstein, Chomsky.
Donos da ciencia, da economía, da palabra
do pensamento e a imaxinación.
Non poden dominar o odio que producen
escapar da pauliña
do dedo erguido, fascio acusador.

Nada poden contra o temor que inspiran
e a admiración.

Nas estepas nevadas xa soa o corno da cacería.
Levantan a veda
holocausto
inmortal agonía dos eternos exiliados.
Resucita o vampiro cavernoso
fascista trás dunha fascinación
para abatela.
De Fóra de min, Espiral Maior, 1994. Ed.Xerais 2004

É preciso comentar que hai un racismo que non é ocasional e aparece cada certo tempo como o antisemitismo, senón que é permanente e global. Trátase do odio ás mulleres que produce vítimas a cotío, un feminicidio odioso e permanente que causa milleiros de mortas cada ano pero non merece a atención nin a consideración dos outros crimes racistas.

MXQ


Campaña por unha linguaxe non sexista


Guía de linguaxe non sexista. PDF para descargar, subministrado por Blog Responsable sin sexismos