Translate

24 oct. 2011

Un pesadelo que non cesa: o terrorismo machista

MANIFESTO DE FIGA


Feministas Independentes Galegas, (FIGA) quere expoñer a súa indignación ante os criterios adoptados polo Goberno, Institucións políticas, Partidos, Asociacións e demais compoñentes políticos e sociais, ante a declaración do cese da violencia etarra.
Puidemos ler e escoitar declaracións deste tipo:
É o fin dunha vida incerta, insegura.
Nace un novo tempo político.
Punto final do pesadelo
Cese da violencia que foi a aspiración da sociedade española durante décadas.
A democracia termina por triunfar sobre os fanáticos que sementaron o terror.
Non haberá un guarda civil, un político, un empresario, un obreiro... máis, asasinado.
Agora é o momento da esperanza e da memoria.

A metade da humanidade, as mulleres, que SOMOS HUMANAS, aínda que non sexamos consideradas coma tal, ao ler e escoitar declaracións deste tipo, sentímonos desfechadas e ofendidas. Ignoran as autoridades o peor flaxelo que padece esta sociedade, a persecución, a dor, o sufrimento das mulleres. Non teñen en conta o número de mulleres asasinadas acotío polos seus esposos ou compañeiros. Prescinden das criaturas asasinadas polos propios pais ou padrastos, para vingarse das nais.
De que democracia ousan falar?
As víctimas de ETA, mereceron grandes pompas fúnebres, e mesmo leis que os amparen e perpetúen a súa dor.
As víctimas do terrorismo patriarcal, só merecen UN MINUTO DE SILENCIO diante dos seus respectivos concellos. Despois, o seu nome pasa ao anonimato.
Son víctimas do poder masculino, do dominio que, en maior ou menor medida, exercen todos os homes sobre as SÚAS mulleres. Estes criminais non pertencen a unha organización armada nin a un ideario particular; pertencen a un sistema universal chamado patriarcado, un comportamento que se sucede desde os primates aos homes actuais, e que se foi adaptando a todos os sistemas e épocas, favorecido polas relixións, os sistemas reaccionarios e os beneficios e privilexios que obteñen del todos e cada un dos homes.
Paréceme escoitar as protestas: non todos os homes se comportan así! Certo. Non o fan. Algúns porque son pacíficos e conciliadores; algúns porque se solidarizan coas compañeiras. Pero, en xeral, débese á necesaria complementariedade:
Frente á dominación é precisa a submisión.
A supervivencia, o instinto de conservación das mulleres levounas a agacharse, tras dos burkas ou tras un “hai que sabelo levar”. Cando as esposas- esposadas se rebelan, se enfrontan ou pensan en fuxir, acostuma saír a fera patriarcal instalada no sistema límbico dos cerebros masculinos.
Como é posible que homes amantes da liberdade, da xustiza, da solidariedade humana, diríamos, non se alporicen ante tanto crime contras mulleres e só consideren as víctimas masculinas e públicas?
Mellor que falar de perversión e misoxinia deliberadas, será constatar a CEGUEIRA. Resulta que as mulleres paren homes incapacitados para ver, para considerar persoas e cidadás ás mulleres, mesmo se viven, se alimentan, gozan, se empoderan, reciclan e perpetúan, grazas a elas. Así é. Non as ven. Por iso, cando as violan, maltratan e asasinan, non as contan, nin as reputan nin as respectan.
A división, unha liña sempre imprecisa, entre dereitas e esquerdas, neste caso non conta en absoluto.
Desde o ano 2003 temos estatísticas do número de crimes cometidos contra as mulleres, no núcleo sentimental, na sacrosanta familia, no espacio do amor e do apoio mutuo.
Desde o ano 2003 ETA matou 16 persoas. No mesmo período foron recoñecidas como asasinadas con diferentes métodos 617 mulleres. Desde que ETA cometeu o 1º atentado, o machismo acabou coa vida de 3.060 mulleres, contando a unha media de 60 por ano.
Sigan facendo contas. Saian de España a Europa, EEUU, Canadá, os países “democráticos”. Recorran despois Asia e América do Sur. Intérnense no inferno feminino africano e sumen. Sintan como se lles quebra a calculadora, como as cifras gritan e desbordan o contable, o concibible. Despois disto, se afirman que as mulleres somos humanas, digan se poden durmir tranquilamente.
Poderán. Xa verán como non falan desta masacre nos mitins electorais.

FIGA


ETA pode pedir perdón ás súas víctimas. É un número asumible.



No hay comentarios:

Publicar un comentario