Translate

12 sept 2011

O ERRO INFINITO

María Xosé Queizán


Continúo pensando que as insólitas revolucións que se están levando a cabo nos países árabes son os sucesos históricos máis relevantes do inicio do s.XXI. E digo inicio porque os cambios, desde o descubrimento do motor, estiveron marcados pola velocidade, e desde internet, abriron os espacios nunha internacional feita realidade.
            Mesmo así, os avances conviven con reductos reaccionarios. Mentres Túnez, Exipto, agora Libia e mañá, esperemos, Siria e outros, se liberan dos dictadores medievais, crueis e coránicos, para iniciar unha vía democrática e laica, permanecen masas islamistas, onde domina a parte irracional e primitiva do cerebro, que devecen por matar infieis, como fixeron os cristiáns con eles na época medieval.
            Sempre hai supremas organizacións, como Al Qaeda, ou outrora a Igrexa Católica, que se benefician da súa influencia dogmática, e premian as masacres da alienación co perdón dos pecados e un lugar preferente no ceo. Así rescatan persoas Purificadas ( ás mulleres, mira por onde!, permíteselles a entrada na corte de suicidas que cometerán atentados inmolándose) para os actos terroristas. En España, onde campan ás súas anchas e toman as rúas para orar, nunha postura abondo irreverente, foron adoutrinad@s unha manchea de mentes portadoras de odio relixioso.
            Por moi paradoxal que pareza, é máis doado acabar cun dictador e as súas armas bélicas, que coa reprodución ideolóxica da fe e os dogmas relixiosos tradicionais. Isto me leva a pensar que logo escoitaremos críticas sobre a permanencia de certos costumes ou o uso do velo feminino, nos países árabes que fixeron o cambio democrático. Serán de persoas que ven a palla no ollo alleo e ignoran a trabe no propio. Despois de 37 anos da morte do noso dictador, e durante 36 anos de “democracia”, aínda non conseguimos que os gobernos, con varias lexislaturas de ideoloxía socialista, acabaran co vergonzoso Concordato co Vaticano que permite recibir o Papa con honores de xefe de Estado e diñeiro público.
En Vigo, e non ha ser unha excepción, mantense desde hai 50 anos, a pesar das múltiples reclamacións de certa cidadanía,  a Cruz dos Caídos, frente por frente dun goberno municipal socialista. Mentres España non sexa un estado laico, non será democrático. Aínda nos van adiantar as Constitucións das novas democracias árabes.
            Aspiramos a unha democracia real, a un ensino eficiente e xeral que incremente os coñecementos da cidadanía, non só para servir no mercado capitalista, senón para acabar con mitos e teas de araña fanáticas, e abrir as mentes a espacios libres e gratificantes. Dixo Bertolt Brecht: A causa principal da pobreza cognoscitiva é a riqueza imaxinaria. O principal obxectivo do coñecemento non consiste en abrir a porta da sabedoría infinita, senón en poñer coto ao erro infinito. 

No hay comentarios:

Publicar un comentario