Translate

Convocatorias


A REDE DE MEDIADORAS DE VIGO organiza:
IV ENCONTRO NACIONAL DE MULLERES,  na Residencia de Tempo Libre de Panxón (Nigrán) durante os días 21 e 22 de setembro de 2012.


A inscripción é gratuíta, a estancia e dietas 3€ , dende o venres ás 16:00 horas ata o sábado as 20:30 horas. As prazas son limitadas e se admitirán as participantes por orden de inscrición, e previo ingreso en La Caixa nº de conta: 2100 2344 83 0200154473. Anotarse no local da Rede, en horario de 9:30-13:30 e 16:30 a 20:30 ou nos nosos teléfonos 986 22 23 28 / 670 45 34 31 ou no correo,redemediadorasvigo@hotmail.com. A data límite para anotarse é o día 14 de setembro. As mulleres que non poidan quedar en Panxón dende o venres, deben avisalo no momento da inscrición.  

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------

EN DEFENSA DA IGUALDADE: NON A LEI DE FAMILIA

A Plataforma de organizacións Feministas rexeita o “Anteproxecto de Lei de Apoio á Familia e á Convivencia en Galicia” por regresivo, patriarcal e anticonstitucional.
A lei supón un grave recorte dos dereitos da muller, sitúandoa de novo en labores de nai e coidadora (de nenas e nenos, adolescentes, persoas discapacitadas, dependentes e maiores), establecendo a maternidade como rol vital e controlando desta maneira a súa vida afectiva e sexual.
A Xunta, alegando motivos económicos, evitou progresar no desenvolvemento de leis e decretos como a “Lei galega 7/2004 para a igualdade de homes e mulleres”, a “lei galega 11/2007 para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero”, a “lei 13/2008 de servizos sociais de Galicia”, a “lei 2/2007 de traballo en igualdade das mulleres de Galicia”, ou o “decreto 15/2010 polo que se regula o procedemento para o recoñecemento da situación de dependencia”, que xa recollen medidas concretas de apoio á familia, á atención de mulleres en situación de exclusión, de socialización das cargas familiares, de permitir compatibilizar vida familiar e laboral. Co mesmo pretexto desmantela organismos –desaparición do Servizo Galego de Igualdade- e substitúeo todo por unha mera declaración de propósitos e boas intencións mentres si destinará medios económicos para a creación do Consello Galego de Familia e o Observatorio Galego de Familia destinados a “protexer” e “dirixir” ás mulleres.
Como exemplo esta nova lei, de aprobarse, derrogaría o capítulo V do Título I da “Lei 7/2004 galega para a igualdade de homes e mulleres” que recollía as medidas básicas de apoio á familia socializando as cargas parentais e familiares como a ampliación da rede pública de gardarías, aumento do horario de atención as crianzas menores de 12 anos, implantación de servizos de comedor en gardarías e colexios públicos, creación de gardarías e colexios na proximidade de parques empresariais, a creación de centros de maiores e ampliación da asistencia domiciliaria a maiores. Medidas sociais encamiñadas a favorecer a maternidade, como se demostrou en países da nosa contorna, permitindo compatibilizar vida laboral e familiar. Estas substitúense por “promover” a creación de centros para o coidado de menores e maiores sen contemplar actuacións específicas cando é responsabilidade do goberno autonómico dotar os servizos e definilos dunha forma laica evitando confundir servizo público e caridade (neste momento xa existen denuncias de trato desconsiderado con mulleres nalgúns centros relixiosos).
A lei recoñece o dereito á vida do fillo ou filla concibidos e “non natos” o que non se axusta a dereito. As mulleres son donas do seu corpo e deben ter a facultade de decidir se queren ser ou non nais e poder recorrer a métodos para evitar ou interromper a concepción aceptados pola lei (anticonceptivos, pílula postcoital ou aborto). Co pretexto dun problema demográfico (os movementos demográficos –inmigración, apertura de fronteiras- poderían solucionalo, no mundo hai superpoboación e convén reducila) envíase de novo á muller ao ámbito doméstico. Co que esta lei conseguiría unha mellora na taxa de desemprego global, retirando ás mulleres do mercado laboral e un aforro en todos os servizos necesarios para que a decisión de ser ou non nai sexa unha opción real e non un suicidio laboral.

É importante coñecer tamén que medidas económicas como a redución do gasto público tenden a afectar desproporcionadamente ás mulleres, principalmente as de menos recursos aumentando a desigualdade entre homes e mulleres. A feminización da pobreza fai que as mulleres teñan menos acceso aos recursos económicos e laborais que permiten a compra de servizos e o acceso das mulleres en idade reprodutiva á saúde implicaría cotas económicas máis altas.


A pesar de que a historia oficial tende a presentar os avances sociais conseguidos polas mulleres como a consecuencia dun progreso que camiña por si só, onde o movemento feminista non influíu, a realidade é que foi a loita de moitas mulleres a que nos permite gozar hoxe de dereitos que nun pasado moi próximo eran-nos negados. Nembargantes as mulleres permanecemos aínda pouco representadas nas estruturas de poder que definen prioridades e asignan recursos, polo que as nosas necesidades rara vez chegan a considerarse prioritarias. Por iso solicitamos o teu apoio na difusión deste documento e a asistencia á concentración que, para mostrar o noso desacordo con esta lei e solicitar a súa retirada, terá lugar o mércores 13 de abril ás 8 da tarde en Vigo diante do MARCO.