Translate
15 feb 2012
14 feb 2012
TRABALLO ESCRAVO
María Xosé Queizán
O traballo non remunerado é un traballo escravo. Rexeito o traballo non pago mesmo cando é realizado por homes. Pero na sociedade patriarcal, son as mulleres as que realizan a maioría dese traballo que acostuma facerse no fogar, no privado.
Inclúe traballos que, cando son realizados fóra, no mundo público, páganse. Non na casa, no ámbito familiar. Refírome aos labores domésticos, compras, comida, limpeza...etc, así como a atención ao marido, ás crianzas e ás persoas maiores. Son moitas horas. Sen horario, día e, se cadra, noite.
Feito o cómputo, pagalas elevaría un 53% o PIB español. Non sei se inclúen as horas de permanencia en hospitais cando ingresan a familiares, que son tamén atendidas por mulleres na súa maioría.
As mulleres asalariadas, as que teñen un Contrato laboral semellante? ao dos homes, de teren compañeiro e criaturas, realizan unha dobre xornada de traballo.
Este feito, na medida en que lles resta enerxía, atención, interese polo traballo asalariado, é un inconveniente á hora de contrataren mulleres. Os empresarios, ademais de que poden parir e teren días de permiso, pensan que lle dedican menos atención á empresa. Así xustifican a misoxinia á hora de contrataren mulleres.
A influencia relixiosa e conservadora que valora a familia e “amor de madre”, a Lei de Familia aprobada pola Xunta de Galicia, empeora a situación e condena ás mulleres a quedaren atrapadas nunha dobre e alienante vida.
Non é posible a Igualdade mentres este sistema continúe. Pero, aos Estados non lles interesa economicamente igualar a situación legal das mulleres. Aforran moito, cando menos o 53% do PIB, con ese traballo escravo. Daquela, a explotación das mulleres debe continuar, aínda que lles custe a vida a algunhas e a degradación e a infelicidade a moitas.
Por iso o Feminismo está mal visto.
Suscribirse a:
Entradas (Atom)