Translate

18 may 2013

Adeus a Luisa Fernández



Hoxe deixounos María Luísa Fernández, unha persoa moi querida para o movemento feminista desta cidade. Vencellada ao Partido Comunista desde o ano 1972 esta monfortina, dirixente histórica de Esquerda Unida, xogou un rol primordial en diversos movementos sociais, no Colectivo antisida, Imán, na Asociación de axuda aos presos Concepción Arenal, na Marcha Mundial das Mulleres e do Colectivo Violeta.
Coincidín con Luísa durante moitos anos, en centos de accións de denuncia nas rúas, nalgunha homenaxe, encontros feministas. Perdinme a súa amizade, por iso soamente falo do que vin e oín dela.

Sexa cal for o acto convocado por calquera colectivo do que formaba parte, alí estaba Luisa. A súa presencia discreta, bondadosa, a súa mirada integradora invitaba a acudir. Desprendía ese talante aberto e conciliador, nada sectáreo que caracterizan unha auténtica postura de esquerdas. Estou certa de que era unha comunista auténtica dos pés á cabeza.
Sempre dando a cara, en primeira liña, coa pancarta, repartindo panfletos, o que fixera falta. O seu labor discreto faime pensar no enorme traballo integrador e solidario que desenvolveu sen facer ruído. E con optimismo, acreditaba fondamente no que estaba a facer. Un amigo do Colectivo antisida falaba do seu entusiasmo, do seu liderato afectivo, case maternal.


Non sei cal sería a súa sensación ao verse nos carteis da rúa como candidata á alcaldía de Vigo, nas municipais do 2007. Ter que saír dese anonimato debeulle custar un grande esforzo . Algunhas persoas que viviron eses momentos de cheo comentaban a modestia de Luísa, case pedindo desculpas, quitándose toda a importancia, e que o partido estaba moi moi mal. Ela mesma repartía os programas de Esquerda Unida polas rúas.
Os movementos sociais quedan orfos; un duro golpe, inesperado, fulminante. Como encher a túa ausencia?
Actuando como ela o faría e fixo sempre, con coherencia, saíndo a rúa e gritando contra a desigualdade, contra a violencia de xénero, e contra a inxustiza social. Alí estaremos contigo, loitadora, camarada, feminista.


(Na foto, Luísa Fernández con María Xosé Queizán, na inauguración do Rueiro de mulleres deseñado polas MNG, en Vigo)